El Despilfarro de las Naciones, en El Correo Gallego

El Despilfarro de las Naciones, en El Correo Gallego

A sociedade decente

XOSÉ MANUEL G. TRIGO 2.12.2017

FOI un gusto ler este ensaio de Albino Prada –El despilfarro de las naciones– porque de primeiras un ten a impresión de que os nosos economistas producen poucos libros, e menos aínda cunha coidada calidade textual. “Un economista ten que escribir ben”, dicía Keynes querendo recordarnos que non abonda con que os economistas escriban correctamente (cousa que non todos conseguen), senón que teñen que procurar un estilo (literario) que faga máis gustoso para o lector o discurso dunha “ciencia triste”, como lle chamaba Malthus. Non todos logran isto, entre outras razóns porque entre os economistas habelos hainos que non disimulan o pouco amigos que son da literatura. Iso curaríase coa benéfica influencia dun grupo de Bloomsbury, pero o azar non sempre nos fai ese galano.

Hai que dicir que o libro de Prada non nos sorprende pola súa orixinalidade temática porque encana coa xa longa serie de obras opulentográficas que parten do gran ensaio de Galbraith (pai), A sociedade da opulencia, publicado –creo recordar– alá a finais da década dos 50 e que aínda agora resulta un libro fresco e feiticeiro, coma se fose escrito hoxe pola mañá. En efecto o (neo)liberalismo segue moi adicto ao monstro da produción que se alimenta da creación de necesidades e obsolescencias, que é a maneira que temos no Norte opulento de encher o noso “vacío”. Pero chega un momento, como nos recorda Albino Prada máis dunha vez –citando a Stiglitz–, no que a suma total do que os consumidores poden mercar é inferior ao que o mundo produce. E entón é cando nos esmendrellamos: recesión que te criou, seguindo unha cadencia e un camiño que nos leva ao colapso distópico. Isto do capitalismo empeza cunha “man invisible” e acaba cunha man que (nos) estrangula.

Tal vez esteamos a tempo de atallar esta nosa vocación de abismo mediante a concepción dunha “sociedade decente”, expresión por parte do autor que en principio parece intelectualmente moi modesta pero, repristinada semanticamente, pode instarnos á necesidade dunha volta á ética. O ensaio de Prada gaña amenidade mercé ao dinamismo que aporta a convocatoria vizosa (e case viciosa) de citas e textos herborizados entre unha ampla nómina bibliográfica coa que o autor se amosa familiarizado e nos invita a saborear. E certamente resultou un libro saboroso: ten a substancia deste noso tempo de tantos temores… e esperanzas.

 

Lee la reseña original aquí.

Phone: T (34) 91 781 47 99
Fax: info@claveintelectual.com, mpires@grupoinsud.com, martinpires@gmail.com, tomas@kasiopea.net
Address: 28046. Madrid, España
Castellana, 13 - 5º